Tuesday 07 de May de 2024

Feijóo enxalza a capacidade da sociedade galega para cambiar e evolucionar dentro da estabilidade


 “Galicia é o país dos cambios tranquilos”, di, incidindo en que a sociedade galega se distingue por ser experta en evolucións non traumáticas, que son as que realmente propician o benestar sen causar custos na convivencia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a capacidade da sociedade galega para cambiar e evolucionar dentro da estabilidade. “Galicia é o país dos cambios tranquilos”, dixo, incidindo en que a sociedade galega se distingue por ser “evolucionaria”, porque demostra ser experta en evolucións non traumáticas, que son as que realmente propician o benestar sen causar custos na convivencia.

Sobre este punto, o titular da Xunta recordou que a Comunidade conta con exemplos dabondo que proban esa habilidade, referíndose, entre outros, ao proxecto Abanca Seguros de Vida.

Durante o acto de presentación, Feijóo valorou que esta entidade galega estea traballando para responder á complexidade económica e financeira, que obriga á procura de novos servizos, á variación de escala e á exploración de novos mercados. “Contamos cun novo marco regulatorio que, mediante diversos mecanismos e cautelas, prima o tamaño das entidades. O mercado cambia coa aparición de competidores alleos á banca que requiren novas fórmulas de relación cos clientes. E é boa nova que esta entidade estea traballando para responder a esa complexidade cunha adaptación permanente”, abundou, lembrando que, para sorpresa de moitos, unhas caixas quebradas convertéronse nun banco galego saneado que medra dentro e fóra de Galicia.

Así mesmo, aseverou que esa teima en salvagardar un espazo financeiro propio, sen merma da súa competencia, tamén tivo a súa orixe na idea recorrente de abrir de par en par a nosa economía, propiciando unha dobre corrente que converta a Galicia en destino e punto de partida de investimentos. “Abanca é hoxe un dos mellores exemplos desa maneira galega de entender a internacionalización dunha economía”, explicou, ao tempo que recordou que a entidade, líder do mercado financeiro galego, ten sede social e fiscal en Galicia, dinamiza diferentes sectores da economía galega e proporciona emprego a máis de 4.500 persoas.

Logo de aseverar que a política útil axudou creando confianza e proporcionando esa estabilidade “que hoxe tanto se bota de menos fóra da nosa comunidade”, Feijóo concluíu subliñando que, diante do prognóstico do Fondo Monetario Internacional, que augura unha desaceleración severa, a política útil ten dous deberes inmediatos que en Galicia procuramos cumprir: dicir a verdade e preparar as condicións para amortecer os seus efectos, presentando por exemplo os Orzamentos do vindeiro ano.

Se ben non hai un “seguro específico” contra as crises económicas, Feijóo fixo fincapé en que si hai medidas que aportan seguridade. “Galicia ten un pobo maduro, unhas institucións estables e tamén un sistema financeiro que proporciona confianza”, sentenciou.